Saturday 04 de May de 2024

Marta Abal propón un Plan Estratéxico para reforzar a plantilla nos servizos municipais e abordar o relevo xeracional nos traballadores do Concello


A socialista insiste na “oportunidade histórica” para “apuntalar a reforma estrutural do Concello” que xera a eliminación da taxa de reposición anunciada para o 2025, que limitaba a creación de novas prazas de emprego público

Os socialistas instan ao goberno local a estudar as necesidades de persoal deseñando unha provisión de efectivos para os próximos 10 anos

A eliminación da taxa de reposición de efectivos anunciada polo ministro de Función Pública e a súa substitución por un modelo de previsión e proxección “de que postos se precisan e onde se precisan”, crea unha “oportunidade histórica” para abordar o relevo xeracional e reforzar a plantilla en determinados servizos municipais. Así o ven os socialistas que reclamarán no pleno deste xoves un Plan Estratéxico que o goberno local estableza unha previsión de efectivos para os próximos 10 anos.

A socialista Marta Abal insistiu en que, ante o novo modelo que se abre coa supresión da taxa de reposición, o goberno local “debe facer os deberes” e comezar unha avaliación das necesidades funcionais do Concello. Explica que, desde o 2012, aumentou a carga da administración local cunha plantilla que ía minguando, precisamente polas limitacións da taxa de reposición á hora de crear novas prazas públicas, algo que ten como resultado que determinadas áreas estean “tensionadas”, poñendo o exemplo de Servicios Sociais, dos que depende o servizo de comedor -asumido no 2012 polo Concello- e o Servizo de Axuda no Fogar.

Así, Abal avoga porque, nun prazo de 7 meses, antes da aprobación da lei de orzamentos do 2025 na que se incluirá este cambio de modelo, o goberno local elabore un Plan Estratéxico de Recursos Humanos 2025-2035, negociando coa representación dos traballadores.

Abordar o relevo xeracional cun 40% da plantilla municipal que se xubilará nos próximos 10 anos

Un dos retos que afronta o Concello no futuro é o relevo xeracional cunha plantilla da que se xubilará, nos vindeiros 10 anos, o 40% segundo as estimacións dos socialistas. Precisamente estes datos deben tamén terse en conta, explica Abal, no estudo das necesidades de persoal do Concello.

“Estamos ante unha oportunidade histórica para apuntalar a reforma estrutural do Concello, pero debemos estar preparados para tomar as decisións axeitadas” insiste a que fora responsable de Persoal durante o mandato socialista.

Avaliación da calidade dos servizos e medición de rendemento do persoal

A edil socialista defende ademais que este Plan debera vir acompañado de elementos que permitan a “avaliación dos servizos prestados e elementos que permitan vencellar a produtividade e a calidade do servizo a compoñentes do salario”.

Para isto, Abal defende que se inclúan medidas “que ofrezan carreiras profesionais nas que a progresión responda xenuinamente a unha avaliación do desempeño”, incidindo na “valoración anual da conduta profesional” e a medición do rendemento dos empregados públicos.

Tamén insiste no aproveitamento das novas tecnoloxías, impulsando a transformación dixital na medida en que “se xeran ferramentas que, postas a disposición das traballadoras e traballadores, melloraría a calidade dos servizos públicos”. Pon o foco, neste sentido, no uso destas tecnoloxías para substituír traballos repetitivos.

Axilizar a execución das ofertas de emprego

“O plan debe incluír medidas para axilizar a execución das ofertas de emprego” defende a edil socialista, que insiste tamén en que as convocatorias deben publicarse no mesmo ano natural no que se publica a oferta de emprego público e que se executen “no prazo máximo de dous anos dende a súa publicación”.

Recalca que, con isto, tamén se dan avances na mellora do acceso ao emprego público, axilizando trámites e facilitando esa transformación da administración que, insiste, “é fundamental para garantir a calidade dos servizos públicos”. Actualmente, recorda, a execución da oferta de emprego público debe darse dentro dun prazo improrrogable de tres anos.

Na mesma liña, pide tamén medidas para incrementar a garantía de acceso a emprego público de persoas con discapacidade, reservando unha porcentaxe “non inferior ao 10%” das prazas convocadas.